Declaración Final, (ou non)

Estes últimos 4 anos un grupo de amigos colaboramos, como dixemos na inicial, coa Asociación de veciños de Ferrol Vello para facer este evento homenaxe aos homes e mulleres pasados e presentes relacionados co mundo de Bacallau. O balanzo non pode ser máis positivo. Xuntamos conferencias, exposicións, gastronomía e música para que se poida coñecer desde todos os puntos e un pouco mellor este mundo de mar e terra deste “Gadus Morhua” que deu e da traballo e pracer a moitísima xente polo mundo.

Houbo conferenciantes e músicos de Ferrolterra e do País, tamén conferenciantes do noso irmán Portugal, exposicións nas que colaboramos coa Autoridade Portuaria e unha gastronomía de primeiro nivel a prezos populares grazas aos nosos cociñeiros, grandes profesionais e con moita experiencia polo Pais adiante tanto na preparación dos xantares como nas clases de cociña que fixemos.

Os eventos serviron para que amigos e veciños se achegaran a coñecer e desfrutar dos programas que presentamos cada ano. Colaboramos e colaboraron con nós a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Concello de Ferrol, Confraría de Pescadores, Empresas e Hostalaría do barrio. A todos moitísimas Grazas.

A maioría dos colaboradores temos unha idade que aconsella ir deixando isto noutras mans máis novas, con outras ideas e postos ao día en tecnoloxías que permitan facer os trámites administrativos con xeito xa que cada día son máis e máis complicados.

Estivemos intentando convencer as distintas Administracións da necesidade de poñer en Ferrol Vello o Museo das xentes do mar. Din que están interesados pero non notamos ese interese de xeito algún. Insistiremos.

Este 2025 foi o último do evento se non aparece que queira facelo nos vindeiros anos.

A Comisión-Avv

Declaración Inicial 


Estimados veciños e veciñas de Ferrol Vello, Ferrolterra, e de calquera parte que esteades interesados polo mundo dese peixe chamado Bacallau: No 2022 desde a Asociación de Veciños de Ferrol Vello iniciamos un camiño da man da Autoridade Portuaria co obxectivo de homenaxear a todos os homes e mulleres que traballaron e traballan no mundo tanto da pesca como das factorías de transformación deste peixe. Esta páxina chámase “VENTOS DE BACALLAU E PYSBE- de Ferrol a Terranova”. O nome débese a que os bacallaeiros da empresa PYSBE, que houbo no Porto do noso barrio ata a década dos anos 70 do pasado século, tiñan nomes de ventos. A Industria e a pesca do Bacallau xeraron riqueza no mundo empresarial, no familiar e no gastronómico. Xerou riqueza o mundo empresarial porque en Ferrol Vello contabamos coa principal factoría de procesado de Bacallau e unha importante frota de bacallaeiros de P.Y.S.B.E., (Pesquerías y secaderos de Bacalao de España) Xerou tamén riqueza no mundo familiar mellorando a situación das familias das e dos traballadores, “en terra” na factoría e dos que pelexaban nos durísimos mares da Terranova pescando nunhas condicións que so esa idea de mellora pode empuxar aos moitos homes que o fixeron a dedicarse a esa labor. Xerou e xera riqueza no mundo gastronómico polo seu valor tanto de aporte de proteínas, vitaminas e demais beneficios para a saúde, e porque o seu sabor e multitude de xeitos de preparación fan que sexa tamén un dos peixes mellor considerados do mundo. Na nosa terra non só PYSBE aportou ao mundo do Bacallau, P.E.B.S.A., (Pesquerías Españolas del Bacalao S.A.) en A Coruña con barcos feitos en Astano, (hoxe Navantia) e CO.P.I.BA., (Compañía de Pesca e Industrias del Bacalao) en Vigo tamén contribuíron a que veciños/as do noso barrio e de Ferrolterra traballaran na industria da construción e como enrolados nos mesmos bacallaeiros. Intentamos na primeira edición de xuño 2022 e asentamos na seguinte de xullo 2023 a idea desa homenaxe ás mulleres e homes que tiveron e teñen participación nese mundo e continuaremos neste e anos vindeiros a esta fin. Facémolo cunhas xornadas compostas de parte Cultural, Musical e Gastronómica, que son cultura todo pero separamos para explicar como é o contido dos actos que facemos cada ano. Unha parte de Exposicións, Conferencias e Mesas Redondas, outra parte de Actuacións Musicais e a parte gastronómica con clases de cociña e degustacións varias do peixe que é motivo principal do evento. Pensamos incrementar cada ano a calidade e variedade de actos do evento e estamos tamén no camiño de promover a creación en Ferrol Vello do Museo das Xentes do Mar. Noutro apartado desta páxina describimos polo miúdo en que consiste este museo. No apartado de Galería aparecen fotos e vídeos das celebracións de cada ano e tamén fotos antigas de traballadoras/os que publicamos para intentar recoñecer ás/os que nelas figuran para que queden na memoria e fagan parte dese futuro museo que esperamos desfrutar no futuro. Agradeceriamos a familiares, amigos/as, veciñas/os das persoas que están en ditas fotos que se poñan en contacto con nós se identifican a algunha delas. Tamén agradeceriamos a quen teña fotos, obxectos, publicacións ou algo relacionado con PYSBE, PEBSA, COPIBA, os bacallaeiros ou a pesca e procesado que queira aportar que se poña en contacto con nós no correo electrónico desta páxina ou na Asociación de Veciños. Grazas pola vosa participación e colaboración.